26/05/10

Lecto escritura

As letras están presentes no noso entorno e os nenos ven como os adultos as utilizamos de xeito habitual para desenvolvernos na vida, polo tanto, os nenos perciben a finalidade práctica da escritura e da lectura. Escribimos para elaborar listas da compra, recados, apuntar horarios, nomes, escribir cartas e mensaxes,...Lemos para buscar información, para aprender, para coñecer noticias,...

Queremos que os rapaces aprendan a ler e escribir resolvendo tarefas con un significado, por iso traballamos moito cos seus nomes, os nomes das cousas da clase, os títulos dos libros, as receitas,... Buscamos que os rapaces poidan comunicarse a través da escritura, que entendan que ten unha utilidade real.

Mestras de Infantil do CEIP Quintela

12/05/10

Cuestionario para o alumnado de 2º e 3º ciclo


O equipo de Normalización do cole de Quintela propònvos un trato:
Cubride un cuestionario que podedes pedir na biblioteca do cole, ou descargar Aquí e entregadeo aos vosos titores.
A cambio recibiredes un agasallo.
Para responder ao cuestionario, tedes os enlaces no blog de Dinamiza Normaliza.

É un traballo voluntario que non se poderá resolver en horario de clase, poderedes utilizar os equipos informáticos da biblioteca, ou na biblioteca municipal, sempre que lle presentedes o cuestionario ao bibliotecario municipal.
Os cuestionarios debidamente cumprimentados terán dereito a un agasallo sorpresa.
O alumnado do primeiro ciclo poderá optar ao agasallo se entrega un poema de Uxío Novoneyra ilustrado.

10/05/10

Como se fai un libro?


O venres pasado, dous profesores do Departamento de Artes Gráficas do I.E.S. Montecelo ( Pontevedra ), viñeron dar unha interesantísima charla ao alumnado do terceiro ciclo.
Como se fai un libro? era o tema da charla.
Empezaron explicando a historia do libro, para continuar falando do proceso de elaboración : dende a idea inicial do escritor ou escritora ata a chegada dos exemplares ás librarías
.Axudáronse de imaxes na pantalla para ilustrar todo o proceso.. Tamén nos amosaron obxectos que se utilizan na edición artesanal. Ao final regaláronlle ao alumnado un traballo troquelado: un cartón cortado e dividido de tal xeito que se convirte nun lapiseiro en forma de moucho.
Resultou unha charla moi entretida na que aprendemos moitas cousas.

05/05/10

Terceiro ciclo e a Galipedia


O alumnado de terceiro ciclo está preparando novas entradas para a Galipedia ( a wikipedia en galego).
Os de sexto prepararon a súa: Primeiro editaron a entrada que hai sobre Moaña para incluir entre os persoeiros ilustres a Xabier Blanco, mestre gaiteiro de Moaña.

A continuación crearon a entrada sobre Xabier, con información recollida do propio gaiteiro.

Antes acudiran a Aula de catalogación de instrumentos tradicionais onde o gaiteiro explicoulles e ensinoulles o uso de moitos intrumentos alí expostos, e contestou ás súas preguntas.
Clica na imaxe para ver a páxina


O curso pasado o terceiro ciclo creou a de Iván Costa Blanco.

04/05/10

Recursos Letras galegas 2010


A páxina de coordinadora galega de equipos de normalización e dinamización lingüística ofrécenos unha recompilación de recursos sobre Uxío Novoneyra que nos permiten traballar en rede en todos os cursos.
Dende o equipo de Normalización do cole pásannos unha selección para cada ciclo que irán a parecendo nos seus blogs. De momento tedes material para traballar. Adiante!


Terceiro ciclo en Quintela

Primeiro ciclo en Quintela

Segundo ciclo en Quintela

15 poemas para recitar

Como sabedes, esta ano o Día das Letras Galegas está adicado a Uxio Novoneyra.
Para ir coñecendo a súa obra, tedes aquí unha selección de poemas para recitar, feita polo EDNL do noso centro.

Poemas para peques

O 23 de Abril presentouse na librería "A esmorga" de Cangas un novo libro de poemas para nenos e nenas:"Martingadas" publicado por Morgante, un selo de Rinoceronte Editorial.
"Martingadas" contén poemas para nenos e nenas onde a fantasía e os xogos de palabras están sempre presentes.
O autor, Santiago Freire adiacalle o libro ao seu fillo, o noso alumno Martín Freire.


A presentación asistiron personalidades da cultura local, como Bernardino Graña.
Aquí tedes unha mostra do libro:
A BIBLIOTECA DA ESCOLA
Por si alguén o dubida
na biblioteca escolar
poden facerse amigos
tan só con abrir ó azar
as follas de calquera libro:
un pirata, unha illa, o mar,
un cofre misterioso
que axiña hai que enterrar,
unha princesa enfeitizada
por unha bruxa malvada,
un ogro cruel que encrespa a pel
ou unha toupa que atopa un anel
máxico que a volve invisible.
Nos libros, que o saibades, todo é posible.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Blog Widget by LinkWithin
As ilustración e imaxes que publicamos neste blog teñen un uso educativo. Si están suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña.Grazas