05/02/15
Vuelta a casa no club de lectura de nais
Resolvendo encrucillados durante a viaxe máis importante das súas vidas para Isabelle e Dorrie, así imos descubrindo os sentimentos máis íntimos desta amizade entre dúas persoas pertencentes a dous mundos tan diferentes e que timidamente comezan a mesturarse.
Isabelle e Dorrie emprenden unha viaxe a Cincinnati para asistir ao funeral da filla de Isabelle. É unha viaxe cargada de emotividade, lembranzas e sobre todo, unha viaxe que vai reafirmar a relación entre elas.
O percorrido físico é tamén un percorrido vital pola vida das dúas protagonistas. Elas conseguen, á súa maneira, atopar sentido á súa existencia: Isabelle recupera, dalgún xeito, a súa filla e Dorrie "recupera" o seu fillo e a confianza no amor.
Unha das achegas fundamentais do libro foi a de achegarnos unha visión da segregación racial nos Estados Unidos dos anos 30, e a vixencia na actualidade. Todo un acerto crear tal parella: unha americana e unha afroamericana. Julie Klibler foi amosando os modos de vida de brancos e negros, a imposibilidade de contacto físico e as fortes diferenzas sociais entre eles. Unhas diferenzas que, dalgunha maneira, continúan na actualidade.
Coincidimos todas en que a maior pexa do libro foi a súa estrutura: demasiado simple para achegarnos a un tema tan complexo e crucial da historia norteamericana. O comportamento dalgúns personaxes: o carácter pouco resolutivo do pai, a frialdade da nai de Isabelle ou o carácter inhumano e machista dos irmáns non son de todo cribles, semellan títeres cumprindo un mandado. Personaxes carentes de personalidade que deixan moitas preguntas sen resposta e parecen "pegotes" neste escenario americano.
Estamos ante uns personaxes, en xeral, cuns comportamentos predicibles, nun tempo e nun espazo que lles tocou vivir.
Vémonos na próxima lectura: Felices los felices de Yasmina Reza.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
As ilustración e imaxes que publicamos neste blog teñen un uso educativo. Si están suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña.Grazas
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa aquí o teu comentario. Non esquezas por o teu nome pulsando en "Nombre".Sairá publicado cando nos chegue.