24/10/08

Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil

O Ministerio de Cultura acaba de conceder o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil ao excelente escritor galego Agustín Fernández Paz polo libro "O único que queda é o amor".

Agustín Fernández Paz é un dos nosos escritores favoritos.
Un dos seus libros, A escola dos piratas" forma parte da selección feita polo equipo de biblioteca para o LIBRO-FORUM.

Parabéns dende estas paxinas ao escritor.
Tedes acceso as obras súas que temos na biblioteca pulsando no libro:

Día das bibliotecas escolares

O dia 24 celebrouse o Dia das bibliotecas escolares.Este foi o autoadhesivo que repartimos este ano.Os protagonistas son os nenos e nenas de Infantil, buscando "onde viven os leóns"

Como di o lema dos II Encontros de bibliotecas escolares de Galicia, que tanto nos gustou:
"Bibliotecas para ler e aprender", este ano decidimos celebrar o día aprendendo na biblioteca:
Cada curso recibiu unha carta de Paco, a mascota do cole, pedíndolles que responderan a unha pregunta.

Durante os tres últimos días, todos os cursos pasaron pola biblioteca para buscar a resposta.Agora, coa información atopada, todos están elaborando un "documento", que expoñeremos na entrada do cole.

Este é un resumo de todas as cartas recibidas: PACO QUERE SABER...


Como sabedes paso o día entre os libros da biblioteca.


Divírtome unha chea porque me gustan moito os vosos libros.

Necesito a vosa axuda,teño un montón de preguntas.
Queredes axudarme a buscar as respostas?
Estas son as preguntas:

QUE COMEN AS XOANIÑAS? (4º de Infantil)

COMO VIVÍAN OS INDIOS DE NORTEAMÉRICA? (5º de Infantil)

PARA QUE LLE SERVEN AS ANTENAS AS BOLBORETAS? (6º de Infantil)

CAL ERA O NOME DE UNHA FAMOSA MULLER PIRATA? (1º de Primaria)

CAL ERA O DINOSAURO MÁIS RÁPIDO? (2º de Primaria)

QUEN INVENTOU O TELÉFONO? (3º de Primaria)

QUEN INVENTOU A IMPRENTA? (4º de Primaria)
CAL É O NOME DA CREADORA DO CORPO DE ENFERMEIRAS? (5º de Primaria)
QUEN É STEPHEN HAWKING E QUE APORTACIÓN FIXO A CIENCIA? (6º de Primaria)
Xa vos contaremos como foi a busca,..

21/10/08

Club de lectura



Hoxe, na biblioteca do cole,tivemos unha xuntanza do club de lectura.




Mais información en CLUB DE LECTURA

Inauguración da biblioteca de Moaña

Mañá mércores, inaugurase a biblioteca Municipal de Moaña, despois dunha completa e necesaria remodelación, para poder atender a demanda de uso.
A biblioteca de Moaña ten dende o seu nacemento unha intensa actividade .

O bibliotecario, Suso Parada, sempre tivo clara a importancia da coordinación e atención aos colexios, e mantén unha programación de cara a eles ano tras ano.

A biblioteca escolar do noso cole ten que agradecerlle o seu apoio,asesorándonos,emprestando fondos da súa biblioteca, e contando con nós para programar actividades.Non debemos esquecer que a sede da biblioteca central de Moaña está ubicada no antigo colexio de Quintela, e que pronto cumprirá cen anos

Esta biblioteca ten algún premios de prestixio pola súa labor de dinamización.
Tamén temos que mencionar que o seu catálogo na rede, o Meiga, é o máis consultado de todas as bibliotecas públicas de Galicia.

Hoxe estivemos algunha profesoras do equipo de biblioteca para vela.Gustounos moito.Esperamos que siga mellorando.

O recanto dos máis pequenos está decorado polo ilustrador de contos Marc Taeger.
Mais fotos en ALBUM DE FOTOS.

18/10/08

II Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia
















Este fin de semana celébranse en Santiago os II Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia.

Alí estaremos 5 profesoras do colexio,para aprender, compartir e intercambiar experiencia.

Máis información en:

http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog

10/10/08

No outono..........poemas


A lúa está dormida.
A noite está a chamala.
A lúa está roncando.
A noite está esfadada.

Cobren sabas de prata
o seu leito salgado.
Hoxe xa non esperta;
segue cos ollos pechados.

Dorme a lúa no mar.
Sombras voan no ceo.
Pensa a noite,tristeira:
"O inverno xa está preto".

Antonio García Teijeiro."Lueiro de papel"

Atoparedes máis poemas de outono ( Juan Ramón Jiménez , Federico García Lorca.....) en Poemas para peques

01/10/08

Club de lectura


Pronto imos reiniciar as xuntanzas do club de lectura do colexio.

Estamos seleccionando o libro para ler, e imos pasar polas aulas a anotar aos nenos e nenas que queiran formar parte do club.


Lembrade como funciona:

-Haberá unha primeira xuntanza para vernos, e prestarvos os libros.

-Logo haberá tres reunións máis, unha por trimestre

-En cada reunión comentaremos un libro.

-As reunións do club serán na biblioteca, e na hora do recreo.(Ese día, de maneira excepcional, poderemos merendar na biblioteca)

-Para formar parte do club, terás que estar en 4º, 5º ou 6º de Primaria, e ler o libro que imos comentar.


Aquí tedes un enlace para ver como foi o club de lectura do curso pasado:
CLUB DE LECTURA DE QUINTELA

Curso de sexto en Quintela

Os nenos e nenas de sexto curso do cole están traballando nun blogue.
Chámase "Curso de sexto en Quintela".
Imos usalo de ferramenta para aprender a redactar textos, facer e descargar fotos,buscar páxinas interesantes, expoñer traballos, escanear debuxos, etc.
Logo subimos as entradas coa axuda do encerado dixital.
Este é o debuxo da mascota que escolleron para por no blogue. Pulsa nela para ver o blogue.
Tentaremos facer unha entrada semanal.
¡Esperamos os vosos comentarios!
Blog Widget by LinkWithin
As ilustración e imaxes que publicamos neste blog teñen un uso educativo. Si están suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña.Grazas
var linkwithin_site_id = 42636; Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...