29/04/10

Queridas familias


Queridas familias:
Neste mes de abril púxose en marcha un pequeno equipo de apoio á biblioteca escolar formado por nais.

As xuntanzas son na biblioteca escolar, onde se reunen coa coordinadora de biblioteca. Veñen cheas de propostas moi interesantes, que imos ir levando a práctica pouco a pouco. Unha dela xa a vistes estes días:

A enquisa que recibistes na casa para contarnos os vosos gustos literarios, as vosas propostas de lectura, coa intención de ampliar e mellorar a colección adicada as familias.

Os buzóns para recoller as vosas respostas están na entrada da biblioteca, e de Infantil.

Esperamos as vosas propostas!!!

24/04/10

Paco quere saber...

Queridos nenos e nenas:
Gustaríame saber se vos gustaron os agasallos do día do libro.

23/04/10

As familias colaboran



Como en anos anteriores, as familias colaboran en Abril ,mes dos libros, de distintos xeitos.

Un deles é responder a unha pregunta relacionada cos libros e a lectura, que logo expoñemos nos corredores do colexio.

Este ano a pregunta era:
A que hora do día e en que lugar che gusta ler?
Pola noite antes de durmir, pola tarde no sofá, en calquera momento do día que teñen un descanso,..as respostas son variadas e nelas percíbese como a lectura vai unida a un momento da paz, de recollemento,..Non as perdades!!!

Día do Libro no cole

Hoxe foi un día moi especial no cole.

Os nenos e nenas trouxeron da casa o seu libro favorito para compartilo cos compañeiros na hora de ler.

Máis tarde, o carteiro trouxo unha precioooooosa carta de Paco para cada curso.
Pódese ler aquí ou entrando nos blogs de ciclo.

Despois, o director do colexio entregou aos nenos e nenas máis lectores de cada curso o seu diploma.



E logo, a última hora, todos os nenos e nenas do cole recibimos un agasallo de "Paco".
Tamén houbo agasallos para @s profes!.
Foi un día moi, moi especial...

Todos a ler

Para que les?

Traballo colaborativo das bibliotecas escolares de Galicia.
A idea e organización orixinal é da biblioteca escolar do CEIP Milladoiro de Malpica

22/04/10

O soldadiño de chumbo.


Hoxe o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º curso de Primaria de todos os coles de Moaña ( CEIPs de Abelendo, Seara, Reibón, A Guía, Tirán, Domaio e Quintela) fomos ver ao auditorio de Cangas a obra teatral "O soldadiño de chumbo" en inglés.
13 autobuses cheos de nenos e nenas con moita ilusión.
Esta actividade foi posible grazas á coordinación de todo o profesorado de Lingua Inglesa dos sete centros que fixeron coincidir esta actuación con Abril, mes dos libros.
A obra foi moi bonita e nenos e nenas cantaron as cancións e aplaudiron moito. Portáronse todos moi ben!!!

21/04/10

Exposición mulleres e ciencia

Seguimos coa exposición mulleres e ciencia.
As distintas clases están visitando a exposición e despois de ler os paneis, van respondendo as cuestións que lles plantexan os titores.

Colaborando coas librerías


O martes inauguramos na biblioteca a exposición de libros que nos prestan as librerías de Moaña, tal como fixemos o curso pasado.
As librerías colaboran xenerosamente cos seus fondos máis atractivos para os nenos.
Esta semana os nenos e nenas teñen a biblioteca "tomada". Todos baixan cos titores para curiosear os libros e anotar os que lles gustan.
A exposición está aberta ás familias ata o Día do Libro en horario de 9 a 2,30 e de 4 a 6.
As librerías pídennos que vos recordemos que ese día os libros teñen desconto.

19/04/10

A viaxe das bolboretas


A Escola de Música de Moaña, igual que en cursos anteriores agasallounos co conto musicado "A viaxe das bolboretas".
Cada personaxe era interpretado por un instrumento e caracterizado por un ritmo e melodía diferentes.Clarinete, frauta,saxo, trompeta,trombón...transformados en vermes,tesoiriñas,xoaniñas,grilos...
Unha acertada maneira de acercarnos ao mundo da música a través dos contos.Parabéns pola execución , a selección de melodías e a adaptación do conto.

Xuntanzas dos clubs de lectura


A semana pasada celebráronse xuntanzas dos dous clubs de lectura do cole:
"Amigos de aventuras" e "Marcapáxinas".
Os libros que leron: "O misterio dos fillos da lúa" de Fina Casalderrey e "Momo" de Michael Ende.
Tedes os comentarios no CLUB DE LECTURA .

15/04/10

Visita de Óscar Villán

Óscar Villán e Charo Pita chegaron á nosa biblioteca cunha maleta chea de personaxes. Era imposible deixar de velos e escoitalos. Charo prendíanos coa súa voz ás súas historias e Óscar facía maxia coas súas pinturas. Cunha facilidade asombrosa aparecían no encerado crocodilos, coellos, ratiños e ata elefantes. Pura maxia!
E cando remataron deixáronnos un agasallo!

14/04/10

Benqueridos amigos e amigas.

Concello de Moaña
Alcaldía
ALUMNOS E ALUMNAS DE 6º DO COLEXIO PÚBLICO DE QUINTELA

Benqueridos amigos e amigas:
Aínda que cun chisquiño de retraso, chegoume a vosa carta do 30 de abril do 2009. Agradézovos que pensarades en escribirme e tamén que recordedes algunhas das cousas que o Concello fixo meses atrás.

Como xa pasou tanto tempo, pode ser que o que me pedides estea xa arranxado. Se non é así, facédemo saber, por favor. Será mais rápido se mo facedes chegar ao correo electrónico.

Como puidestes comprobar, o parque infantil da Praia de Moaña mudou moito nestes meses. Agardo que os novos xogos sexan do voso agrado e que non haxa randeeiras avariadas. Pídovos tamén que o coidedes, porque agora que xa ides grandes ten que quedar para todos os nenos e nenas que veñen detrás vosa . Agardo que vos gustan tamén os campos novos de fútbol-7. Ah, e por certo, ides á piscina?. Se non ides aínda animádevos, porque mola un cacho.

Este verán o Concello tamén vai facer algunhas obras no voso cole, para que quede un pouco máis bonito do que xa está e Luis, “o dire” non me berre tanto, porque a min sempre me estáberrando, non sei a vós.

E moita sorte, Algúns e algunhas de vós igual acabades en Quintela este ano e ides para o “insti”. Que vos vaia a todos moi ben, e non teñades medo aos mangallóns da E.S.O. , que ao principio parece que asustan moito, pero despois axiña se desfondan.

Dádelles un saúdo aos profesores...e un abrazo forte a todos e todas vós.


Moaña a 09 de abril de 2010-04-14
O ALCALDE
Asdo.Xosé Manuel Millán Otero


Esta é a resposta á carta escrita polos nenos e nenas de 5º do curso pasado. Si queres lela, está no club de escritura do cole.

13/04/10

Uns contacontos especiais

"A verdadeira historia de Carapuchiña", "O Anano Saltareiro", "A Cebra Camila", "O Galo Quirico", "Que parvos son os camaleóns"....estes contos e outros máis encheron o luns a nosa biblioteca nas voces dos rapaces e rapazas do IES Paralaia, que por un día actuaron para nós de contacontos .
Viñan cargados de ilusión e os pequenos puxeron as súas ganas de escoitar contos, un conxunto perfecto para gozar da lectura no mes do libro infantil, se engadimos a fonda emoción que se apalpaba na biblioteca.Tivemos trasnos, lobos, bodas, ventos, raiñas, esquíos.... todos da man destes actores tan especiais.O equipo de Normalización e Dinamización Lingüística doIES Paralaia organiza esta actividade e nós animámolos a seguila desenvolvendo, porque os nosos alumnos xa están desexando facerse grandes para poder participar.

10/04/10

As novas tecnoloxías en terceiro ciclo

No terceiro ciclo de Quintela seguen experimentando coas novas tecnoloxías para os traballos de clase.
Aquí tedes unha mostra: un traballo para a clase de Inglés dun alumno de Quinto ( Anxo Rúa) en Movie Maker e usando o Corell Draw:







Unha presentación sobre Moaña de outras alumnas de Quinto (Patri e Sheila) en Power Point:


O alumnado de sexto está preparando un Póster dixital sobre o Día do Libro.
Antes fixeron probas para aprender a manexar a ferramenta. Aprenderon moi rápido, gústalles moito.
Aquí tedes unha divertida proba de Carmen e Jessi:

Non deixedes de entrar no blog do terceiro ciclo en Quintela

09/04/10

Mulleres científicas

Inauguramos esta semana a exposición "Mulleres científicas"
Trátase duns paneis coas biografías de 16 mulleres que pola súa traxectoria profesional son significativas para o avance científico.
Esta magnífica exposición é un préstamo da biblioteca escolar do CPI O Progreso de Catoira.
Ven acompañada dunhas fichas que o alumnado debe cubrir despois de consultar a exposición.





Pero nós queremos ampliar a exposición, porque son moitas as mulleres científicas e queremos saber máis sobre elas.
Por eso cada curso está investigando a outras mulleres interesantes, para saber que descubriron e como chegaron a eses descubrimentos.
Sabíades que o Tippex, o papel de calco, os limpiaparabrisas dos coches, os lavalouzas, os paraugas, os traxes ignífugos dos bombeiros e bombeiras, os pañais desechables,....son inventos de mulleres?

07/04/10

Encontros do Plan de Melloras de bibliotecas escolares de Galicia



Os días 15 e16 de Abril vanse celebrar en Santiago os Encontros do Plan de Melloras de Bibliotecas escolares de Galicia.

Nesta xuntanza xuntaranse os responsables das 299 bibliotecas escolares incluídas neste Plan. Un lugar para o intercambio de experiencias, información e aprendizaxe sobre o mundo das bibliotecas escolares. Ali estará representada tamén a nosa biblioteca escolar.

Máis información no blog da asesoría de bibliotecas escolares de Galicia

03/04/10

Abril, mes dos libros e a lectura

A programación de abril do noso cole será intensa e variada.
Haberá xuntanzas dos clubs de lectura, teatro, obradoiros de ilustración, de escritura e de plástica, traballos documentais, visitas de escritores, colaboracións coas familias,exposicións, colaboracións coas librerias de Moaña,..
Queda aquí un programa, pero xa vos iremos contando pouco a pouco.



Create your own Animation

01/04/10

O conto dos golfiños

Os nenos e nenas de 6º de Infantil decidiron que querían inventar un conto no que a súa personaxe fora un golfiño, así que puxéronse mans á obra. Primeiro tiveron que inventar a historia entre todos e decidir o título. Non foi doado, porque cada un tiña unha idea, pero ao final puxéronse de acordo. Logo, decidiron que texto e debuxos ían en cada páxina, e despois, por parellas: a escribir e a debuxar!. Quedamos moi contentos de como quedou. Esperamos que vos guste.
Non esquezades poñerlle altofalantes, para escoitalos:

Publicado por Ana
Blog Widget by LinkWithin
As ilustración e imaxes que publicamos neste blog teñen un uso educativo. Si están suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña.Grazas
var linkwithin_site_id = 42636; Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...